Vaipolorío quere retirar as árbores caídas no paseo do río Gafos

Pontevedra
23 de xaneiro 2023

Nesta ocasión, o traballo estará centrado na retirada de árbores caídas sobre o carreiro no tramo rural do río Gafos en Tomeza

Árbore caída no paseo do río Gafos
Árbore caída no paseo do río Gafos / Vaipolorío

O colectivo ecoloxista Vaipolorío acometerá este martes unha nova xornada de limpeza. Nesta ocasión, o traballo estará centrado na retirada de árbores caídas sobre o carreiro no tramo rural do río Gafos en Tomeza.

Con esta iniciativa Vaipolorío pretende facer practicable o carreiro na súa totalidade e facilitar o paseo dos usuarios e minimizar os efectos que se rexistran durante a época de choivas no outono e no inverno con inundacións debido á crecida do río.

Dende o mes de outubro as intensas choivas provocaron no río Gafos seis enchentes de auga fóra do leito fluvial. 

Segundo a información facilitada pola asociación ecoloxista Vaipolorío, o primeiro desbordamento rexistrouse o 23 de outubro de 2022 e, desde entón, houbo un episodio similar en novembro, tres e decembro e un o 1 de xaneiro

A última ocasión foi o pasado día 7 de xaneiro, o río desbordou en varios tramos e afluentes. En concreto, nos ríos Cocho, Toxal, Tomeza e Gafos, sendo especialmente visible no paseo dos Gafos ao seu paso polo casco urbano. 

Nesta zona céntrica do Gafos, á altura de Ponte Boleira, o pasado día 1 as intensas choivas provocaron unha fochanca que mantivo un tramo do paseo cortado e este sábado volveu desbordar.