Vaipolorío volve demandar que se destape o tramo urbano do Gafos en Campolongo

Pontevedra
27 de agosto 2019

O colectivo retirou na súa última campaña de limpeza do río dos Gafos 690 quilos de lixo. Non se limpou o tramo entre a avenida Josefina Arruti e a rúa Otero Pedrayo por mor do asentamento chabolista porque noutras ocasións limparon e volveu aparecer ou empeorar a situación de suciedade e restos de chatarra  

Xornada de limpeza do río dos Gafos
Xornada de limpeza do río dos Gafos / Vaipolorío

O colectivo ecoloxista Vaipolorío acaba de facer balance da súa última campaña de limpeza do río dos Gafos, que realizou durante as últimas semanas e permitiu sacar do leito do río 690 quilos de lixo. Aproveitando a ocasión, quere reiterar unha demanda que leva anos realizando: destapar o río ao seu paso polo barrio pontevedrés de Campolongo. 

Un ano máis, a asociación tamén reivindica outra demanda histórica: a recuperación da ponte do Couto, para a que aínda non tivo resposta positiva das administracións. 

En canto á última campaña de limpeza, a 19 do colectivo, detallan que se realizou durante seis xornadas nas que se retiraron entre 50 e 170 quilos de lixo en cada unha grazas ao traballo de entre 10 e 24 voluntarios. A de maior cantidade foi a segunda, na que 21 persoas retiraron 170 quilos de residuos. 

Vaipolorío destaca a incorporación de novos voluntarios e acolaboración da asociación Xoán XXIII e a ludoteca Tékere e explica que unha parte importarte do lixo atópase sedimentado no leito do río dende hai anos e asoma á superficie por mor das enchentes que se producen no inverno.

Ademais, detallan que, unha vez máis, non se limpou un tramo de 130 metros que vai dende a avenida Josefina Arruti ata a rúa Otero Pedrayo por mor do asentamento chabolista realizado ao carón do río. Trátase dun asentamento xa denunciado reiteradamente por este colectivo.

A asociación si limpou ese tramo con anterioridade en reiteradas campañas de limpeza desta asociación, pero este ano decidiron non actuar porque de xeito repetitivo volve a aparecer ou empeorar a situación de suciedade e restos de materiais de chatarra manipulados polos seus moradores.