O Val-Sobral de Soutomaior agarda a súa maior transformación con 160.000 euros de investimento

Soutomaior
04 de xullo 2025
Actualizado: 20:42

O proxecto de humanización converterá tres puntos de encontro veciñal en prazas con mobiliario urbano e adecuará case 800 metros de estrada desde a Chan ata Lourido

Visita do alcalde Manu Lourenzo e a deputada Nava Castro ao barrio de Val Sobral
Visita do alcalde Manu Lourenzo e a deputada Nava Castro ao barrio de Val Sobral / Concello de Soutomaior

O barrio do Val-Sobral, na parroquia de Soutomaior, vivirá nos próximos meses unha metamorfose que cambiará por completo a súa fisonomía para mellorar a calidade de vida dos seus residentes.

O Concello abriu o período de licitación para as obras de reurbanización, mellora e humanización desta zona rural, un proxecto que suporá un antes e un despois para este núcleo tradicional.

Con un orzamento de case 160.000 euros, con cartos procedentes do plan +Provincia da Deputación, a intervención abranguerá un tramo de estrada de aproximadamente 800 metros, desde a zona da Chan, no Sobral, ata a Chan de Moreira, no acceso ao barrio de Lourido.

Máis alá do simple asfaltado, o proxecto, redactado por Infourban, contempla unha transformación integral dos espazos públicos, segundo o goberno local.

Un dos aspectos máis destacados da actuación será a conversión de tres núcleos que actualmente funcionan como puntos de encontro veciñal en pequenas prazas con tráfico calmado e mobiliario urbano. Estas zonas, tradicionalmente empregadas polos habitantes do barrio para a socialización, gañarán en calidade e funcionalidade, favorecendo a convivencia e a vida comunitaria.

"Esta actuación vai supoñer a maior transformación do barrio na súa historia, e iso indublidablemente vai ser positivo para os veciños e veciñas, que terán un barrio máis amable, máis accesible e no que se poña en valor toda a súa contorna natural e o seu patrimonio arquitectónico", destacou o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo.

As empresas interesadas en participar no proceso de licitación teñen de prazo ata o vindeiro 22 de xullo para presentar as súas ofertas.

Segundo indicou o rexedor municipal, o obxectivo do goberno local é que as obras estean rematadas antes de que finalice o ano, para que a veciñanza poida comezar a gozar canto antes da nova cara do Val-Sobral.

Esta actuación enmárcase nun plan de transformación rural e urbana que o Concello de Soutomaior vén desenvolvendo desde o inicio do actual mandato. "Nestes dous anos investiuse máis en obras e proxectos na parroquia de Soutomaior que nos últimos lustros", afirmou Lourenzo, quen enumerou outras intervencións como as realizadas na praza da Pedreira, no campo municipal Graciano Padín, os asfaltados en distintos barrios, o saneamento en Lourido e Cortellas, ou o proxecto da Casa do Concello.

Vista aérea do barrio do Val Sobral coa reforma prevista
Vista aérea do barrio do Val-Sobral coa reforma previstaConcello de Soutomaior