A campaña de Valentín González Formoso ás primarias para liderar o PSdeG-PSOE fixo parada en Pontevedra. Foi cun encontro coa militancia que se celebrou na Casa das Campás.
Alí trasladou aos seus compañeiros o seu proxecto político que busca que os socialistas galegos "conten con todos" e que aspire a gobernar Galicia.
O lema "Sumar para avanzar", que o tamén presidente da Deputación da Coruña presentou este martes, é segundo Formoso unha "declaración de intencións" porque representa o "modelo que queremos" para o partido.
"Vimos de celebrar un congreso do PSOE que foi o da unidade, positivismo e a exaltación do ideario socialista e parece que algún compañeiro volveu de Valencia sen entender esa mensaxe", lamentou en Pontevedra.
A este respecto, o candidato á secretaría xeral do PSdeG-PSOE expresou a súa intención de "sumar, integrar e contar con todas as sensibilidades" dos socialistas galegos "mesmo con aqueles que pretenden restar ou dividir" neste proceso de primarias.
Tras defender que "non falamos nin de baronías nin de conceptos doutras épocas", Valentín Formoso apostou por impulsar "políticas progresistas" e abandonar "clichés" que, en pleno século XXI, "non conectan nin co partido nin coa ampla maioría dos galegos".
"Necesitamos enviar unha mensaxe ilusionante á sociedade galega", sentenciou.
A este encontro con Valentín Formoso acudiron, entre outros dirixentes, a subdelegada do Goberno, Maica Larriba; o tenente alcalde en Pontevedra, Tino Fernández; os tamén edís pontevedreses Yoya Blanco, Iván Puentes e Marcos Rey; o ex delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro; ou os alcaldes de Cuntis e Ponte Caldelas, Manuel Campos e Andrés Díaz.