Valoran positivamente a experiencia da campaña 'Quen é Quen?' con 52 negocios participantes

Poio
02 de marzo 2021

A iniciativa foi impulsada polo programa Poio Confía, desenvolto polas concellerías de Promoción Económica e Turismo para potenciar a dinamización do sector, e repartiu preto de 2.000 euros en vales de compra

Silvia Díaz e Gregorio Agís
Silvia Díaz e Gregorio Agís / Concello de Poio

A campaña 'Quen é quen?' do programa Poio Confía, impulsado desde os departamentos de Promoción Económica e Turismo, finalizou o pasado 31 de xaneiro.

Os responsables dos departamentos organizadores, o socialista Gregorio Agís e a edil de Avante, Silvia Díaz valoraron que a iniciativa acadou un nivel de participación e interese por parte de establecementos e da veciñanza "máis que notables, tendo en conta o contexto derivado da terceira onda da pandemia da covid-19".

Esta iniciativa comezou o pasado mes de decembro co obxectivo de fomentar a dinamización do consumo de proximidade no municipio. Deste xeito, apóstase por reforzar o espírito de rede e comunidade entre o tecido empresarial de Poio e a súa veciñanza, algo que logo da crise derivada pola situación sanitaria "é máis necesario ca nunca".

Tomaron parte na campaña un total de 52 negocios, polo que a súa valoración da acollida da iniciativa é "moi positiva". 

En total, durante as semanas que durou a campaña canxeáronse preto de 2.000 euros en vales e rifas. Se ben esta contía é inferior aos cálculos iniciais, os edís de Promoción Económica e Turismo lembran que "foi en metade do desenvolvemento da campaña cando tivo lugar o impacto da terceira vaga da covid-19, que en Poio, por desgraza, tivo moita incidencia". 

Isto provocou o peche de sectores como a hostalería e a redución do horario no comercio non esencial, así como a necesidade de que a veciñanza tivese que ficar na casa excepto para a realización de xestións imprescindibles.

Se ben este contexto afectou negativamente, o Concello amósase satisfeito con esta iniciativa piloto, polo que Gregorio Agís e Silvia Díaz coinciden ao mencionar a posibilidade de repetir a iniciativa no futuro.

"A resposta do tecido empresarial foi extraordinaria e a da veciñanza, mentres as condicións o permitiron, tamén, polo que estamos convencidos de que esta campaña pode ter un impacto aínda maior nun contexto máis favorable", apuntaron.

Outro aspecto a salientar de 'Quen é quen' é que o intercambio dos vales de compra estivo "moi repartido" entre os establecementos adheridos, o que demostra que "houbo moito movemento".

Os responsables de Poio Confía agradecen a implicación dos profesionais e empresarios do municipio e reafirman o seu compromiso a continuar impulsando medidas e programas que incidan na dinamización, asesoramento e información de utilidade para o sector.