Veciñas e veciños de Monte Porreiro e a comunidade educativa poderán facer as súas achegas para as obras do novo pavillón que proxecta o Concello no barrio.
O Concello acaba de constituir unha comisión de seguimento das obras do novo pavillón para garantir a colaboración de todas e todos.
A primeira xuntanza terá lugar este xoves 22 de xaneiro ás 20:00 horas no centro social do barrio e contará coa presenza do concelleiro responsable do barrio, Alberto Oubiña e a concelleira de Deportes, Anabel Gulías.
Tamén acudirá a parte técnica e executora do proxecto: a empresa construtora Ramírez e a arquitecta responsable, Gracia Amandí.
O obxectivo principal deste encontro é explicar polo miúdo o proxecto do novo pavillón do barrio e constituír formalmente a comisión de seguimento das obras.
Para garantir que o proxecto conte coa máxima participación e transparencia, foron convocadas as presidencias e xestoras das comunidades de veciños lindeiras co equipamento, a asociación de veciños O Mirador, así como a comunidade educativa representada polo centro de educación infantil Fina Casalderrey e a súa ANPA.
Esta primeira xuntanza servirá, en palabras de Oubiña, para "explicar o proxecto que se vai a facer", comentar o funcionamento da comisión e resolver as dúbidas iniciais.
A intención do goberno local é que esta comisión se reúna periodicamente en canto se dispoña do plan de obra e conforme esta vaia avanzando.
"Queremos que sirva como ferramenta para resolver pequenos problemas que poidan xurdir no día a día da obra", sinalou o concelleiro, destacando a importancia de "facilitar a vida da veciñanza e do centro educativo que lindan co edificio”.