Veciñanza de Cuntis pide á Deputación que apoie o desenvolvemento do Polígono da Ran

Umia
16 de xullo 2017

O grupo presentará unha moción o próximo pleno para que o Concello solicite formalmente a colaboración económica da institución provincial

Representantes de Veciñanza no polígono industrial da Ran
Representantes de Veciñanza no polígono industrial da Ran / Veciñanza de Cuntis

O grupo municipal Veciñanza de Cuntis presentará no próximo pleno unha moción coa intención de que o Concello solicite formalmente á Deputación colaboración económica para o desenvolvemento do polígono industrial da Ran.

O portavoz da agrupación, Santi Martínez, argumenta que o polígono é "un eixo fundamental para o impulso socioeconómico que Cuntis necesita".

Para Veciñanza os anos que leva a área industrial sen regularizar provoca taxas de desemprego alarmantes e o descenso da poboación ligado á falta de oportunidades laborais.

Tanto Martínez como o seu compañeiro Xosé Lois Jácome ven na Ran un punto estratéxico, aseguran, pola súa posición privilexiada ao pé da estrada N-640, preto da AP9, do porto de Vilagarcía ou de cidades como Pontevedra e Santiago de Compostela.

A petición á Deputación baséase en que "non sería a primeira vez que a institución provincial faría unha achega deste tipo", explican en relación ao polígono industrial de Barro-Meis e pedindo que se inclúa unha partida respecto diso nos orzamentos de 2018.

Veciñanza pedirá ademais a creación dun viveiro de empresas na vila e a creación dun grupo de traballo municipal que inclúa a todos os grupos da corporación.