Veciñanza de Cuntis urxe a limpeza do río Gallo

Umia
10 de decembro 2016

Veciñanza solicítalle ao goberno municipal de Cuntis que tome as medidas oportunas para tratar de minimizar os posibles danos que se poidan producir coas enchentes do inverno

Río Gallo ao seu paso pola vila de Cuntis
Río Gallo ao seu paso pola vila de Cuntis / Veciñanza

Durante o pasado mes de xaneiro Cuntis víase unha vez máis asolagado por un episodio de enchentes que volvía causar danos especialmente nas beiras do río Gallo. No pleno correspondente a ese mesmo mes, Veciñanza presentaba unha moción instando ao goberno municipal a buscar solucións a este vello problema. Se ben foi aprobada e tiveron lugar contactos co organismo Augas de Galicia, non hai constancia de avance real ningún na solución deste problema.

Tempo atrás veciños e comerciantes xa lle fixeron esta petición ao goberno municipal para limpar o leito do río Gallo, tarefa que axude na prevención de posibles enchentes nos próximos meses.

Agora, ás portas dun novo inverno, dende Veciñanza entenden que cómpre insistir na necesidade de intervir para tratar de minimizar os posibles danos que se poidan producir. "O goberno municipal deber enfrontar con firmeza o problema e intensificar se é necesario a presión ante a Xunta de Galicia na defensa dos veciños e veciñas de Cuntis", din dende esta formación política.

Aseguran que a limpeza do treito urbano do río Gallo é, ademais, unha cuestión estética. Se ben é certo que debe facerse cos permisos pertinentes e baixo as indicacións dos técnicos medioambientais para non danar o ecosistema fluvial, é preciso atopar un equilibrio para minimizar os danos que as posibles enchentes poidan causar.

O estado de abandono tanto do propio Gallo como dalgún regato que conflúe nel no centro da vila é máis que evidente. Tanto por prevención como por imaxe, urxe actuar "o máis axiña posible" e Veciñanza solicítalle ao goberno municipal que tome as medidas oportunas neste asunto.