Un grupo de veciños de Paredes protagonizaba este martes 30 de setembro unha protesta que logrou paralizar temporalmente as obras de construción do pump track no recinto de festas da Canteira, en Vilaboa.
A acción, que se prolongou pacíficamente durante máis dunha hora, impediu o acceso dos operarios e a maquinaria ata a chegada do alcalde César Poza.
A mobilización, na que participaron 40 veciños, respondía a unha solicitude formal presentada o 23 de setembro ao Concello de Vilaboa na que esixían o recheo inmediato do nivel inferior do terreo para manter a superficie orixinal destinada a actividades culturais e celebracións populares.
Carmela Bas, representante da Asociación da Estrada Vella de Paredes, denunciou a falta de diálogo previo coa veciñanza para a creación do novo espazo deportivo sen ter en conta as demandas veciñais.
"Nunca se nos presentou un proxecto", afirmou Bas, quen explicou que os veciños non se opoñen á construción do pump track, senón á súa localización actual.

Os manifestantes sinalaron que a nova instalación ocupa unha parte esencial do recinto festivo, eliminando o espazo tradicional onde actúan as orquestras durante as celebracións de San Xoán en xuño. "Non queda espazo para as actuacións e elimínase o terreo da festa", argumentaron.
Durante a protesta, as autoridades enviaron a un axente da Policía Local e mesmo á Garda Civil antes de que chegase o propio alcalde. Finalmente, César Poza comprometeuse por escrito a realizar as obras de ampliación do campo da festa e unha reforma interior da Casa de Cultura antes das festas de San Xoán de Paredes 2026.

Os veciños valoran este compromiso, aínda que manteñen a súa vixilancia sobre a evolución dos traballos para garantir que se cumpran os prazos establecidos.




Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.