Vilaboa esixe ao Ministerio de Transportes que solucione os fallos graves na A-57

Vilaboa
29 de setembro 2025
Actualizado: 16:49

O Concello denuncia abandono institucional e advirte dos riscos para a seguridade que existen no tramo executado desta autovía, entre Vilaboa e A Ermida

César Poza, alcalde de Vilaboa
César Poza, alcalde de Vilaboa / Concello de Vilaboa

O Concello de Vilaboa presentou unha queixa formal ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible para esixir solucións urxentes ante os graves fallos detectados nas obras da autovía A-57, no tramo que atravesa o seu municipio.

O equipo municipal acompañou a súa solicitude cun novo informe técnico no que se detallan problemas importantes que afectan directamente á seguridade de condutores e peóns, especialmente nas vías de servizo e accesos aos comercios da zona.

Desde maio de 2022, o consistorio enviou até seis comunicacións oficiais ao ministerio pedindo que se emenden os fallos. Con todo, as respostas foron escasas ou nada satisfactorias.

O informe técnico elaborado polos servizos municipais non deixa lugar a dúbidas. Sinala deficiencias serias como a mala sinalización, tanto vertical como horizontal; barreiras de seguridade mal instaladas ou inexistentes; pavimento defectuoso; protección incompleta en varios tramos ou accesos perigosos a zonas comerciais.

Todo isto, aseguran os técnicos, pon en perigo a seguridade viaria, e responsabilizan directamente ao ministerio no caso de que ocorra calquera accidente.

O alcalde de Vilaboa, César Poza, foi tallante: "o obxectivo deste goberno local é velar pola seguridade e a protección tanto das persoas usuarias das vías de servizo como das que acceden aos establecementos comerciais próximos".

O Concello non só esixe respostas claras e rápidas, senón que reclama que se actúe xa para corrixir todos os fallos sinalados no informe, seguindo as especificacións técnicas propostas polos profesionais municipais.

Poza tamén mostrou a súa indignación polo estado final da obra e asegura que resulta "inadmisible" que unha obra financiada con fondos públicos permaneza nestas "condicións deficientes" polo que insiste en que manterá o seu "ton de esixencia" até conseguir unha resposta satisfactoria que garanta a seguridade de todas as persoas usuarias desta infraestrutura.

O alcalde mesmo se sorprende de que "unha empresa de prestixio como é Grupo San José se prestase a deixar esta obra nestas condicións, pois non deixa de ser unha mala imaxe para calquera empresa ver o estado no que quedou finalizada".