Este domingo 5 de outubro, ás 12:00 horas, a Canteira de Paredes será escenario dunha emotiva homenaxe a Juan Lago Collazo.
No 80º aniversario da liberación do campo de exterminio de Mauthausen, o colectivo A Regaduxa. Memoria Histórica de Vilaboa quixo render tributo a este veciño exemplar, sobrevivente do horror nazi e loitador incansable contra o fascismo.
Nacido en Paredes en 1914, Juan viviu unha vida marcada pola resistencia e o compromiso. Tras o golpe de estado de 1936, foi detido polos sublevados, sobreviviu a un intento de fusilamento en Ponte Sampaio e terminou sumándose ás filas republicanas en 1937. A súa historia continuou no exilio, primeiro no campo de refuxiados de Saint Cyprien (Francia), logo como membro dunha compañía de traballadores estranxeiros e, máis tarde, como prisioneiro do réxime nazi.
Entre 1940 e 1945 estivo internado no campo de concentración de Mauthausen, onde foi rexistrado baixo o nome falso de Alberto Martínez Sánchez, nacido na Habana, unha identidade que adoptou para evitar ser devolto á ditadura franquista. Alí, e máis tarde no subcampo de Ebensee, Juan sobreviviu a condicións extremas até a súa liberación polas tropas aliadas o 6 de maio de 1945.

Despois da guerra, refixo a súa vida en Francia, onde coñeceu a Germaine, a filla do emigrante murciano que o axudou nos seus primeiros pasos de recuperación. Casaron, el formouse como mecánico e logrou emprego nunha fábrica. Co paso do tempo obtivo a cidadanía francesa e puido volver visitar Galicia en varias ocasións durante os anos sesenta. Faleceu en 1996, e as súas cinzas descansan hoxe no cemiterio de Cedeira (Redondela), grazas ao seu irmán Ramón.
O acto de homenaxe contará coa presenza especial da súa filla Viviane e os seus netos Enmanuel e Valerie, que viaxarán desde Francia para acompañar á comunidade de Vilaboa neste merecido recoñecemento. Durante a cerimonia descubrirase unha placa conmemorativa que lembrará os momentos máis destacados da súa vida e a súa loita.
Esta iniciativa foi organizada polo colectivo A Regaduxa, coa colaboración do Concello de Vilaboa e a Comunidade de Montes de Vilaboa.
Un xesto de memoria e gratitude a un home cuxa historia, aínda que marcada pola dor, é tamén un exemplo de resistencia, dignidade e esperanza.