Catro mulleres de Sanxenxo que sofren malos tratos participarán no acto aberto ao público organizado polo Concello de Sanxenxo con motivo do Día Internacional da Violencia contra a Muller.
Será o próximo 25 de novembro ás 19 horas no pavillón de Nantes.
A concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago, manifestou que con esta iniciativa "queremos seguir sensibilizando e visibilizando un problema que existe e ao que non podemos ser alleos nin inmunes".
Ademais, froito do convenio asinado entre o Concello e a Subdelegación do Goberno, vai inaugurarse un mural creado polo alumnado do Máster de Dirección de Arte Publicitaria da Universidade de Vigo baixo a lema "A violencia de xénero é universal e a resposta tamén o é".
Durante o mes de outubro, a artista local Ana Cancela dirixiu esta acción, coas ANPAS municipais e as Asociacións de Mulleres Rurais. A pintura mostra dunha forma simbólica a repulsa á violencia de xénero, mostrándose exposto neste pavillón por onde pasan distintos públicos ao longo do ano.
A continuación, a experta en igualdade e xénero, Sara Uris, será a encargada de conducir unha actividade que terá como fío condutor a análise da violencia de xénero, que se abordará dunha forma directa, mesturado co testemuño real de vítimas de violencia de xénero de distintos perfís persoais do municipio.
Trátase de mostrar que este tipo de violencia existe e segue existindo e sobre todo pode suceder a calquera muller. Non existe un perfil de personalidade único para as mulleres que o sofren.
Doutra banda, os edificios e espazos públicos municipais iluminaranse todo o mes de cor violeta polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller