Abordar distintas demandas a nivel veciñal, sobre todo relacionadas co transporte urbano, foi o obxectivo do encontro mantido pola alcaldesa de Marín, Ramallo, e representantes da Asociación de Veciños San Xosé de Cantodarea.
Na reunión participaron ademais os concelleiros Manuel Santos e Francisco Estévez.
Unha das principais demandas do colectivo veciñal é o reforzo do servizo de autobús entre Marín e Pontevedra, especialmente en horas punta como o tradicional horario de entrada e saída ao traballo.
Piden, ademais do reforzo, que se mellore a claridade nos horarios, así como a súa accesibilidade tanto na nivel dixital como nas paradas e marquesiñas.
Tamén solicitan que se apliquen melloras na accesibilidade dos autobuses.

"Desde o Concello, trasladaremos estas demandas a Monbus, que é a empresa encargada deste servizo. Somos conscientes de que xa se trasladaran no seu día unha seria de peticións que se van abordando e mellorando, pero volveremos insistir para ver se se pode mellorar dentro do posible a prestación", explicou tras o encontro María Ramallo.
"É bo síntoma que existan estas demandas porque iso implica que cada vez o transporte público é máis utilizado, que é un obxectivo ao que aspiramos", defendeu a alcaldesa.
Noutra orde de cousas a asociación veciñal solicitou a colaboración do Concello para realizar actividades de dinamización social e de envellecemento activo.