A estrada PO-308 é desde hai anos un punto negro en canto a accidentes e atropelos. Cinco vítimas mortais rexistráronse nesta recta que conecta Chancelas con Samieira. Precisamente, o atropelo dun neno de nove anos o pasado xoves 18 de xullo fronte á praia de Ouriceira provocou que este venres 26 a última hora da tarde os veciños se concentraran e levaran a cabo unha marcha de protesta desde Camiño da Bouza ata Ouriceira.
Reclaman máis seguridade viaria nesta contorna. Unha estrada que soporta neste tramo a circulación de ao redor de 24.000 vehículos diarios durante os meses de verán. A estrada, neste punto, ten o límite de velocidade establecido en 70 km/h. e só está rebaixado a 50 km/h nas proximidades á curva de Chancelas. No trazado non existe pasos de peóns que permitan un bo acceso aos areais ou que os residentes a ambos lados da estrada poidan cruzar cun mínimo de seguridade.
A Xunta de Galicia é titular desta estrada e xa contempla un proxecto de reforma deste espazo coa construción de beirarrúas. Os veciños concentrábanse, co apoio de representantes do goberno municipal de Poio liderados polo alcalde Luciano Sobral, para reclamar pasos de peóns e unha reducción da velocidade a 50 km/h. nesta zona.
A Garda Civil de Tráfico e a Policía Local regularon a circulación durante esta protesta que se realizaba pola beira da estrada PO-308, en dirección a Samieira.