Veciños de Laxoso reciben explicacións da Xunta sobre as obras de mellora da PO-234

Ponte Caldelas
15 de setembro 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, reuniuse cos representantes da asociación de veciños e da comunidade de montes para explicarlles a configuración da obra, que aínda se atopa en fase de información pública

Veciños de Laxoso coñecen o proxecto de mellora da PO-234 da man da Xunta
Veciños de Laxoso coñecen o proxecto de mellora da PO-234 da man da Xunta / Xunta de Galicia

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, mantivo unha reunión informativa cos representantes da Asociación de Veciños e da Comunidade de Montes de Laxoso, en Ponte Caldelas, na que se abordou o proxecto da terceira e derradeira fase da mellora da estrada autonómica PO-234, entre Ponte Caldelas e a parroquia de Augasantas, no Concello de Cerdedo-Cotobade.

O representante autonómico, acompañado dos servizos técnicos da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, explicoulles a configuración da obra, cuxo proxecto aínda se atopa na fase de información pública.

“Estamos para atender, servir e escoitar aos cidadáns e para os veciños de Laxoso era importante coñecer un proxecto de tanta envergadura, polo que atendemos a súa solicitude de reunión o máis rápido posible e achegámoslles todos os detalles e coñecemos as súas suxestións”, explicou Luis López.

Esta actuación permitirá rematar coa modernización da estrada PO-234 e suporá un novo investimento, de máis dun millón de euros, no treito correspondente entre Laxoso e o cruce de Portasouto.

A mellora comprenderá o tramo entre os puntos quilométricos 2+580 e 4+150 coa mellora do trazado e ampliación da plataforma ata os 7 metros de anchura, a construción de cunetas de seguridade e dotación de drenaxes e a reposición de sinalización horizontal e vertical e de barreiras de seguridade flexibles.

Cómpre sinalar que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade xa investíu máis de 1,25 millóns de euros na execución das dúas primeiras fases, que xa están rematadas.