Veciños de Monte Porreiro piden no pleno que se cambie a situación dos composteiros

Pontevedra
10 de novembro 2017

Unha vintena de veciños de Monte Porreiro, que se opoñen á instalación de composteros comunitarios nos lugares elixidos polo goberno municipal, acudiron este venres ao pleno para pedir ao Concello que paralice as obras e acorde a súa localización

Veciños de Monte Porreiro piden no pleno a paralización dos composteiros
Veciños de Monte Porreiro piden no pleno a paralización dos composteiros / PontevedraViva

Unha vintena de veciños de Monte Porreiro, que se opoñen á instalación de composteiros comunitarios nos lugares elixidos polo goberno municipal, acudiron este venres ao pleno para pedir ao Concello que paralice as obras e acorde a súa localización.

Os veciños presentaron no rexistro municipal un escrito, apoiado por 385 firmas, no que explican que rexeitan os lugares elixidos porque se están colocando á beira do centro de saúde, a escola infantil ou de sitios de lecer como parques ou instalacións deportivas.

As obras están a deixar, segundo os asinantes, buracos "sen ningún tipo de seguridade" nos parques -entre eles o da Praza de Europa- e montículos de terra.

Ademais, reclaman que se sitúen en lugares máis illados xa que estes composteiros "son contaminantes", desprenden mal cheiro e atraen os roedores.

Yolanda González, portavoz veciñal, reiterou que "non estamos en contra dos composteiros pero si de onde os queren colocar" e denuncian que "ninguén os vén a controlar" ata que chega a hora de baleiralos.

En concreto, solicitan que se anule a instalación de dous composteiros na rúa Irlanda -á beira do campo de fútbol e do pavillón-, outros dous na rúa Reino Unido -centro de saúde e a escola infantil-, o do Parque Europa e o que estará xunto ao albergue da rúa Luxemburgo.

O tema tratarase nunha asemblea veciñal que se celebrará esta noite en Monte Porreiro.