En Raxó ninguén esquece os veciños, familiares ou amigos que perderon a vida nos últimos anos en accidentes de tráfico na PO-308.
Por iso Azucena Rodas, filla de Ana María Gómez, falecida en 2014 ao ser arroiada por un vehículo que invadiu a beiravía no lugar de Fontoira, promoveu un ano máis unha mobilización de protesta e recordo este domingo.
Desde a gasolineira de Raxó a marcha transcorreu ata o lugar deste accidente en memoria de todas as vítimas de tráfico.
A esperanza de todos é ver canto antes convertida en realidade, sen máis demoras, a mellora desta estrada entre Covelo e Raxó.
Trátase dunha obra demandada durante anos para mellorar a seguridade viaria e que a Xunta asegurou que serán realidade en 2018, contemplando a construción dunha senda peonil e ciclista desde o final da travesía de Raxó ata Samieira.