Tres glorietas en Samieira, Covelo e Raxó para mellorar a seguridade da PO-308

Poio
29 de decembro 2017

Actuarase en catro quilómetros da estrada, entre a vía de acceso ao peirao do Covelo e o miradoiro da Granxa. O proxecto de mellora xa se atopa na fase de exposición pública. Pódense realizar alegacións ata o 12 de febreiro

Dous peóns pola PO-308
Dous peóns pola PO-308 / Mónica Patxot

Case un millón de euros. É o orzamento estimado das obras que a Xunta de Galicia realizará para mellorar a seguridade viaria na estrada PO-308, ao seu paso por Poio.

En concreto, actuarase en catro quilómetros da estrada, entre a vía de acceso ao peirao do Covelo e o miradoiro da Granxa. O proxecto de mellora xa se atopa na fase de exposición pública. Pódense realizar alegacións ata o 12 de febreiro.

As principais actuacións no tramo consistirán na mellora de interseccións, nas que se producen unha parte moi importante dos accidentes nesta estrada.

Co obxectivo de evitalos e de mellorar a funcionalidade da estrada, no primeira parte do treito habilitarase unha semiglorieta para cambio de sentido no acceso ao peirao de Covelo e unha glorieta completa na intersección coa PO-303 en Samieira.

Esta última permitirá calmar o tráfico e realizar xiros en condicións máis seguras, dado que a proximidade dun cambio de rasante fai que actualmente a visibilidade sexa reducida.

Así mesmo, habilitarase un carril central para xiros na intersección do Camiño Salgueiral e o acceso á praia de Laño e unha segunda glorieta no acceso ao porto de Raxó, que incluirá a construción dun novo acceso e a eliminación do actual.

Finalmente, realizarase a mellora doutras interseccións mediante a execución de cuñas de aceleración e desaceleración, para facilitar a incorporación e saída da estrada. 

Esta actuación que agora se impulsa complementa á senda peonil e ciclista que se está a tramitar entre Covelo e Raxó. Ambos proxectos serán executados de forma coordinada.