A Xunta espera iniciar as obras da senda entre Covelo e Raxó a finais deste verán

Poio
28 de febreiro 2018

Este mércores o Diario Oficial de Galicia publica a licitación desta senda por dous millóns de euros

Luciano Sobral saúda á conselleira de infraestruturas
Luciano Sobral saúda á conselleira de infraestruturas / PontevedraViva

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, acudiu este mércores a Raxó, "un lugar onde veraneaba de pequena", para informar os veciños dos avances no proxecto de creación dunha senda para peóns e ciclistas de 3,7 quilómetros entre Covelo e Raxó, ao longo da estrada PO-308.

A idea é completar a zona urbana con beirarrúas por ambas as marxes. Tamén se contempla a creación de zonas de aparcadoiro, executaranse colectores e canalizacións de pluviais e renovarase a iluminación e varandas.

O proceso expropiatorio para esta nova senda empezou o ano pasado, despois de estar sometido a exposición pública, e a pasada semana publicouse o decreto de utilidade pública e urxente ocupación que habilita á consellería para materializar as expropiacións.

Ademais este mércores o Diario Oficial de Galicia publica a licitación desta senda por dous millóns de euros. Ethel Vázquez espera que as obras se poidan iniciar a finais deste verán e tras doce meses de execución póidanse estrear no ano 2019.

Estas obras complementaranse e estarán coordinadas con outra importante actuación na PO-308 coa construción de dúas novas glorietas, unha  semiglorieta, un carril de aceleración e a corrección de varios xiros á esquerda, para eliminar os tramos de concentración de accidentes nesta estrada autonómica que comunica Pontevedra e Sanxenxo.

Este segundo proxecto, está en proceso de exposición pública, e supón un investimento dun millón de euros. A conselleira confía en que se poida aprobar en abril o decreto de urxente ocupación e seguidamente licitar as obras.

O alcalde de Poio, Luciano  Sobral, agradeceu que a consellería atenda esta "demanda histórica" de mellora de seguridade nesta "arteria principal" do municipio que soporta unha gran intensidade de tráfico.