A Xunta aproba a expropiación de terreos en Poio para crear a senda entre Covelo e Raxó

Poio
08 de febreiro 2018

A actuación vai acometerse na estrada PO-308 e conectará coas beirarrúas actuais nun tramo de case 4 quilómetros entre a travesía de Samieira e de Raxó

PO-308
PO-308 / Mónica Patxot

O Consello da Xunta declarou este xoves de utilidade pública os terreos necesarios para construír a senda peonil e ciclista na estrada PO-308, entre Covelo e Raxó, no municipio de Poio. Desta forma, aprobouse o decreto para levar a cabo as expropiacións.

O decreto, aprobado polo goberno da Xunta de Galicia, supón a ocupación de 46 leiras, que alcanzan un custo de preto de 42.000 euros. O orzamento total da obra alcanzará unha cifra superior aos 2 millóns de euros.

Segundo expón o goberno autonómico, a actuación atende a demanda veciñal para completar unha vía segura entre a travesía de Samieira, no acceso ás praias e ao porto de Covelo, ata o final da travesía de Raxó, onde están conectadas coas beirarrúas que se atopan en Dorrón.

A senda prevista contará con 3,7 quilómetros e o proxecto contempla a dotación de zonas de aparcadoiro nos espazos en que sexa posible, ademais de sistemas de recollida de augas de drenaxe. 

Tamén se acometerá a extensión dunha capa de rodaxe no tramo inicial da travesía de Raxó; a renovación da sinalización e a recolocación da iluminación en varios tramos.

Con esta obra quérese garantir a seguridade dos viandantes e dos ciclistas que circulan por esta zona. A Xunta de Galicia licitará nas próximas semanas a obra de creación da senda. Ademais, dentro deste ano tamén quere eliminar os "puntos negros" nesta estrada.