O director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Franscisco Menéndez, interveu este xoves na comisión do Parlamento de Galicia para destacar a "mellora da seguridade" impulsada pola Xunta no tramo Poio-Sanxenxo da estrada PO-308.
Nesta comisión o grupo parlamentario socialista criticou a omisión de seguridade para ciclistas nesta reforma.
A deputada do PSdeG Patricia Vilán entregoulle ao director da Axencia Galega de Infraestruturas o premio "Tartaruga de Prata" da asociación Pedaladas por ter obviado as súas peticións.
Pola súa banda, o director da AXI salientou que a estrada PO-308 suma máis de 15 quilómetros de novos itinerarios de sendas cos que aumentará a súa seguridade viaria. Menéndez que sinalou que esta vía tamén é obxecto da estratexia do goberno galego para a eliminación de treitos de concentración de accidentes.
Nembargantes Vilán lembrou que hai zonas da estrada nas que non existe nin beiravía e presenta en suma unhas "malas condicións para os usuarios de bicicleta", cando algúns deles deixaron a vida na estrada. Criticou o desinterese do goberno galego para unha das estradas da provincia con maior tránsito de usuarios utilizando este medio, xa que o proxecto de reforma e mellora da seguridade non contempla medidas para ciclista e peóns.
Menéndez tamén dixo que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda mantén aberta unha liña de colaboración e diálogo tanto coas autoridades competentes en materia de tráfico coma coa Federación Galega de Ciclismo e sinalou que o proxecto de mellora de seguridade nesta estrada tamén prevé adecuar interseccións, coa modificación do acceso á praia de Areas; reforzar sinalización; ou arranxos en pasos de peóns e paradas de autobús.