Veciños de Mollavao piden a Rafa Domínguez centrar o debate nas "necesidades reais do barrio"

Pontevedra
02 de maio 2026

A Asociación Veciñal de Mollavao deu continuidade á rolda de contactos iniciada co Concello reuníndose co vicepresidente da Deputación e candidato do PP local, Rafa Domínguez

Encontro da Asociación Veciñal de Mollavao con Rafa Domínguez
Encontro da Asociación Veciñal de Mollavao con Rafa Domínguez / Asociación Veciñal de Mollavao

A rolda de contactos con responsables políticos iniciada pola Asociación Veciñal de Mollavao cun encontro co Concello de Pontevedra, tivo continuidade cun encontro de representantes do colectivo veciñal co vicepresidente da Deputación de Pontevedra e candidato do PP local, Rafa Domínguez.

No mesmo, explica a Asociación, solicitaron que as actuacións previstas na zona como a reforma de Rosalía de Castro ou o novo viario financiado entre Concello e Deputación "non deixen atrás as necesidades reais do barrio".

Trátanse de actuacións relevantes que, inciden, "acumulan 9 anos de atraso".

Defenden en todo caso que non dan resposta ao resto de necesidades e demandas.

Neste sentido, recalcan os veciños, Mollavao sofre problemas persistentes aos que hai que ofrecer solución.

Refírense a vehículos abandonados, falta de limpeza, deficiencias en servizos básicos, mal estado das rúas e escaseza de zonas verdes.

O que pretenden é que a intervención prevista non invisibilice o resto de demandas.

A Asociación Veciñal de Mollavao aproveitou tamén o encontro con Rafa Domínguez para solicitar a súa colaboración canalizando as súas demandas ante o goberno autonómico da Xunta de Galicia.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora