Representantes da asociación veciñal de Mollavao mantiveron este xoves un encontro co alcalde de Miguel Anxo Fernández Lores e co concelleiro de servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, para poñer enriba da mesa que as necesidades do barrio van moito máis alá da agardada reforma da avenida de Rosalía de Castro e da execución do novo vial.
E é que esta actuación, anunciada xa no ano 2017, arrastra case unha década de trámites sen que, de momento, se iniciaran as obras.
Segundo informaron os representantes veciñais, durante a reunión, o Goberno local reiterou que o proxecto arrancará "en breve", aínda que sen concretar prazos.
Ademais, o alcalde advertiu de que a execución podería prolongarse máis do previsto inicialmente, superando o ano e medio.
Con todo, desde a asociación veciñal insisten en que esta intervención, sendo importante, "non resolve os problemas estruturais" que afectan ao día a día de Mollavao.
Entre as principais demandas destaca a falta de limpeza tanto en espazos públicos como en fincas privadas, así como deficiencias en saneamento e abastecemento.
A isto súmase o mal estado de beirarrúas e pavimentos e a carencia de zonas verdes, espazos de lecer e equipamentos sociocomunitarios e deportivos.
No encontro, o Executivo municipal recoñeceu que, polo de agora, non existen novos proxectos concretos para o barrio máis aló da reforma anunciada. Iso si, deixou caer algunhas posibles actuacións en estudo, como a adquisición da finca de Malvar ou a recuperación do antigo transformador de Fenosa con fins socioculturais.
Outro dos puntos que xera preocupación é a presenza de vehículos abandonados, unha problemática recorrente que, segundo o Concello, está condicionada por procedementos administrativos complexos e pola falta de recursos.
A reunión forma parte dunha rolda de contactos impulsada pola asociación veciñal para dar visibilidade ás demandas do barrio.
Nas últimas semanas, tamén mantiveron un encontro coa Axencia Galega de Infraestruturas, responsable da futura senda peonil e ciclista entre Mollavao e Os Praceres.
Desde o colectivo aseguran que continuarán este labor de interlocución coas distintas administracións, coa intención de converter as reivindicacións históricas do barrio en actuacións concretas que melloren a calidade de vida da veciñanza.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.