Mentres moitas rexións vinícolas españolas se viron afectadas este ano polo temido mildio, na Denominación de Orixe Rías Baixas están de celebración.
E non é para menos xa que a campaña de vendima 2025 foi histórica, cunha recolección total de máis 47,5 millóns de quilos de uva, un 12,74% máis que o ano anterior.
Este aumento débese a un ciclo vitícola "idóneo" e unha meteoroloxía que favoreceu unha maduración óptima da uva.
Segundo o consello regulador, a calidade da uva foi "excelente", grazas tamén ao esforzo de case 5.000 viticultores e 161 adegas, que recolleron todo o froito a man entre o 20 de agosto e o 8 de outubro.
Con esa cantidade de uva, espérase unha produción de aproximadamente 32,8 millóns de litros de viño, o que lles permitirá atender "e mesmo aumentar" as súas vendas no mercado nacional e internacional
Como cada ano, a estrela indiscutible foi a uva albariño, que representa nada menos que o 97% de toda a produción recollida. Séguena outras variedades brancas como a caiño branco, loureira branca e godello, que este ano superou á treixadura.
Este 2025, ademais, deuse a benvida á variedade branca ratiño, que debutou con 901 quilos de uva recollidos
En canto a tintas, aínda que apenas supoñen o 0,5% da colleita, seguen tendo o seu oco con variedades como sousón, caiño tinto e espadeiro.
O Val do Salnés segue liderando a produción co 65% do total, seguido polo Condado do Tea (18,36%) e O Rosal (8,77%).
En total, a D.O. Rías Baixas conta con 4.808 hectáreas de viñedo.
Segundo as primeiras valoracións dos enólogos, todo apunta a que os viños desta anada serán "excepcionais" en calidade e cantidade.
O director técnico do Consello, Agustín Lago, resume a campaña como "tranquila", con uvas de gran calidade e bo estado sanitario, "agás algún que outro sobresalto pola choiva en setembro".