Venres Santo coa procesión por dentro

Pontevedra
02 de abril 2021

Numerosas persoas devotas achegáronse nesta xornada aos templos para seguir os actos relixiosos nun Venres Santo inusual debido á suspensión dos actos procesionais da Semana Santa na rúa. As igrexas pontevedresas contaron con control de asistencia e con ventilación permanente

Persoas devotas na Igrexa de San Bartolomeu durante este Venres Santo Cristina Saiz

Numerosos fieis acudían durante a xornada deste inusual Venres Santo aos templos pontevedreses nunha data na que debido á pandemia non había, como é tradición na cidade, a habitual procesión na rúa, un dos principais atractivos dos actos relixiosos desta Semana Santa.

O arcebispado de Santiago decidira suspender todas as actividades na rúa durante este ano para evitar aglomeracións e no seu lugar desenvólvense actividades relixiosas no interior das igrexas.

Desta forma, na Basílica de Santa María podía contemplarse aínda o sudario elaborado con máscaras cirúrxicas instalado no Cristo da Boa Viaxe, realizado polo Equipo Kerigma da parroquia. A esta imaxe creada durante a xornada do Xoves Santo sumábase este Venres Santo a imaxe da nosa Señora da Soledad, que recrea o momento da crucifixión, coa Virxe María ao pé da Cruz.

Tamén na parroquia de San Xosé de Campolongo podíase ver este venres a imaxe da Virxe do Amor Fermoso, tal e como levan realizando durante toda a semana cunha imaxe no interior da igrexa grazas á confraría da nosa Señora do Amor Fermoso. 

Noutros templos tamén se podía percibir durante a tarde desta xornada numerosos fieis gardando as medidas de seguridade, con máscaras e mantendo as distancias. Ademais, os templos mantiveron, dentro das posibilidades de cada edificio, a ventilación interior para evitar contaxios.