50 mozos de Soutomaior participan desde este domingo nun campamento de verán na Serra de Gata, unha das actividades incluídas polo Concello dentro do programa de lecer Verán Activo.
A cita desenvólvese na localidade cacereña de Valverde del Fresno, onde a mocidade de Soutomaior vivirá durante catro días unha experiencia pensada para fomentar a convivencia, a autonomía e o desenvolvemento persoal nunha contorna natural.
O alcalde, Manu Lourenzo, acompañou ao grupo no inicio da estancia, destacando que este tipo de iniciativas "son unha oportunidade única para que a nosa mocidade medre compartindo experiencias, aprendendo convivir, gañando autonomía e creando amizades que moitas veces perduran no tempo".
Lourenzo subliñou tamén o valor educativo do campamento, ao considerar que a oferta de lecer xuvenil ten que ir máis aló do entretemento.
Debe fomentar, segundo dixo, valores como o respecto polo medio ambiente, a cooperación, a solidariedade e o coñecemento da diversidade cultural e lingüística.

Precisamente a elección de Valverde del Fresno responde o interese por achegar os mozos á realidade da Fala, unha lingua tradicional que se conserva nos municipios de Valverde del Fresno, Eljas e San Martín de Trevejo, con raíces comúns co galego e o portugués.
Durante toda a estancia, o equipo de monitorización utilizará esta lingua como vehículo de comunicación.
"O noso idioma forma parte da nosa identidade e coñecer outras linguas irmás como a Fala axuda tamén a valorar mellor o noso patrimonio lingüístico e cultural", sinalou o alcalde.

Ao longo do catro días, as persoas participantes realizarán actividades como sendeirismo nocturno, carreiras de orientación, tiro con arco, escalada, tirolina, piragüismo, iniciación á monta dacabalo, xogos populares, deportes de equipo, talleres creativos, xogos nocturnos e dinámicas de grupo.
Estarán supervisados en todo momento por un equipo de monitorización especializado e por persoal municipal.
O campamento desenvólvese en réxime de pensión completa e conta cun programa adaptado a distintas idades con todas as garantías de seguridade.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.