Verducido, "zona 80" por uns días

Pontevedra
26 de xuño 2017

A zona 30 converteuse en Verducido, por obra das pintadas, en zona 80. Con esta acción, os opositores aos lombos que a Deputación colocou na estrada EP-0011, que dá acceso ao Pontillón do Castro, quixeron protestar contra a instalación destes elementos. Segundo a normativa actual en materia de Tráfico, esta actuación podería ser considerada como un delito contra a seguridade viaria

Sinais de tráfico alteradas en Verducido
Sinais de tráfico alteradas en Verducido / Deputación de Pontevedra

A zona 30 converteuse en Verducido, por obra das pintadas, en zona 80. Con esta acción, os opositores aos lombos que a Deputación colocou na estrada EP-0011, que dá acceso ao Pontillón do Castro, quixeron protestar contra a instalación destes elementos de acougado de tráfico.

Toda a sinalización horizontal desta estrada apareceu alterada con pintura branca, incluído os lombos que se colocaron no firme para obrigar aos vehículos para reducir a súa velocidade.

Segundo a normativa actual en materia de Tráfico, esta actuación podería ser considerada como un delito contra a seguridade viaria, polo que o autor ou autores, de ser identificados, poderían enfrontarse mesmo a consecuencias penais ao manipular sinais de tráfico.

A Deputación xa eliminou estas pintadas, detectadas o pasado venres. A corrección destes elementos foi realizada de xeito inmediato, sinalan desde o goberno provincial, por supoñer un perigo para a seguridade dos usuarios da vía. Así mesmo, deuse traslado da situación á xefatura provincial de Tráfico para o seu coñecemento seguindo o protocolo habitual nestes casos.

Unha vez corrixidos os primeiros danos, os técnicos volveron pasar revista á estrada, detectando novas alteracións e mesmo danos estruturais nun redutor de velocidade. Estes desperfectos fixéronse, supostamente, cunha 'piqueta' que deixou varias fochancas. 

Nalgúns destes lombos, ademais, apareceron graves insultos dirixidos ao alcalde e ao vicepresidente da deputación pontevedresa, César Mosquera.

Para o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, lamentou que os autores destas pintadas non sexan "favorables" a que se apliquen medidas de seguridade de acougado de tráfico para reducir a sinistralidade viaria nunha zona na que "hai casas, xente e moitos tractores e maquinaria agraria".

"O que pretenden é seguir correndo por aí", engadiu.

O Concello, advertiu o edil do BNG, "seguiremos insistindo" na necesidade de recuperar espazos públicos para as persoas e lembrou que a decisión de declarar todo o municipio de Pontevedra como zona 30 foi aprobada por unanimidade de toda a corporación municipal.