Un veciño de Pontevedra enfróntase a unha dura sanción por realizar unha vertedura incontrolada de mobles e restos de madeira en pleno miradoiro de Monte Porreiro.
A Policía Local iniciou dilixencias contra el tras a alerta da asociación veciñal do barrio.
Os axentes comprobaron que a acumulación destes obxectos na vía pública carecía de calquera tipo de autorización.
O depósito de materiais realizouno un camión de transporte.
Segundo recolle a denuncia policial, o responsable da vertedura alegou que a súa intención era empregar estes elementos para unha fogueira durante a noite de San Xoán.
Con todo, a solicitude de autorización desta fogueira ante a administración municipal foi presentada fóra de prazo e non chegou a obter aprobación.
A pesar dos requirimentos dos axentes para a retirada inmediata dos residuos, estes permaneceron varios días no espazo público.
Estes feitos constitúen unha infracción grave regulada polo artigo 68.a da ordenanza de xestión dos residuos de competencia municipal, que sanciona o abandono, vertedura ou eliminación incontrolada de calquera tipo de residuos.
A normativa establece para este tipo de condutas multas económicas que oscilan entre os 751 e os 1.500 euros.
Desde o Concello advirten que se está realizando un seguimento activo e rigoroso de actitudes como esta para a protexer a salubridade, a convivencia veciñal e a preservación dos espazos naturais comúns.