Viaxe no tempo na XLVII Festa do Viño con coches e motos clásicas

Barro
04 de xuño 2026

O evento terá lugar o domingo 21 de xuño durante a mañá con inscrición gratuíta pero obrigatoria para os participantes

Presentación da  Xuntanza de coches e motos clásicos de Barro
Presentación da Xuntanza de coches e motos clásicos de Barro / Concello de Barro

A XLVII Festa do Viño de Barro engade unha nova proposta ao seu programa de actividades coa celebración dunha xuntanza de coches e motos clásicas.

A cita desenvolverase o domingo 21 de xuño en horario de mañá, convertendo o Pazo da Crega nun punto de encontro para as persoas afeccionadas ao automobilismo e ao coleccionismo de vehículos históricos.

O público que asista á xornada poderá contemplar de preto modelos históricos, deseños icónicos de diversas épocas e motocicletas conservadas con detalle.

Trátase dunha iniciativa que busca atraer tanto á veciñanza do propio municipio como a visitantes e entusiastas do motor de toda Galicia, combinando a afección polos vehículos clásicos coa oferta gastronómica da vila.

A participación nesta concentración non ten custe económico, aínda que a organización require a inscrición previa obrigatoria dos vehículos para garantir unha correcta distribución loxística no recinto habilitado.

Para reservar praza, as persoas interesadas poden poñerse en contacto a través do número de teléfono 680 502 154 ou cubrir o formulario en liña habilitado para o evento. 

Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro, amosou a súa satisfacción pola incorporación desta actividade ao calendario festivo e trasladou o seu agradecemento ás persoas encargadas da organización polo traballo realizado.