Víctor Pedreira, un psiquiatra "satisfeito" ao recoñecerlle a Xustiza o dano moral causado polo Sergas

Pontevedra
08 de maio 2026
Actualizado: 17:01

Despois de 17 anos de litixio, a Xustiza declara firme a condena ao Sergas polo dano moral e conclúe que a consellería desposuíu ao psiquiatra da súa xefatura por animadversión persoal

Víctor Pedreira
Víctor Pedreira / PontevedraViva

A Xustiza puxo fin a un proceso administrativo e xudicial que se estendeu durante case dúas décadas.

O xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra ditou o auto de firmeza, con data de 9 de abril de 2026, que ratifica a condena á Consellería de Sanidade polos danos morais ocasionados a Víctor Pedreira Crespo, antigo xefe do servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP).

A resolución xudicial determina que o cesamento de Pedreira e a súa posterior substitución responderon a unha "desviación de poder", que o propio afectado entende que se deriva de criterios de índole política.

O conflito remóntase ao 22 de maio de 2009. Nesa data, tras a chegada do Partido Popular á Xunta de Galicia e o fin do goberno bipartito (PSOE-BNG), no cal Pedreira ocupou o cargo de responsable de saúde mental e drogodependencias, o facultativo recibiu dúas notificacións simultáneas.

A primeira supuña o seu cesamento como subdirector xeral, unha decisión que o propio médico cualifica de legal e esperada pola natureza política do posto. A segunda notificación decretaba o seu cesamento como xefe do servizo de Psiquiatría do CHOP, praza que ocupaba en propiedade desde o ano 1982.

Este segundo cesamento foi declarado nulo de pleno dereito polos tribunais anos despois, ao non respectarse a excedencia especial por exercicio de cargo público e carecer de calquera motivación técnica.

A partir dese momento, Pedreira foi reintegrado ao seu servizo, pero non como xefe titular, senón en comisión de servizos, situación que deu inicio a un período de tensións baixo a xerencia de José Manuel González, quen fora conselleiro de Sanidade co Partido Popular na Xunta durante 2004 e 2005.

No ano 2012, a administración convocou o proceso selectivo para cubrir a xefatura que o propio Pedreira desempeñaba de forma provisional. Segundo o relato do afectado e os feitos probados en sede xudicial, o proceso estivo deseñado para favorecer a un candidato específico: un médico adxunto con escasa traxectoria que mantiña unha relación de amizade co entón xerente do centro hospitalario.

Para completar este procedemento foron necesarios ata catro tribunais diferentes. O primeiro foi anulado por incumprir a lei de igualdade ao estar composto integramente por homes. O segundo tamén foi invalidado pola presenza dun membro que non reunía os requisitos esixidos nas bases.

Durante a actuación destes tribunais, testemuñas e gravacións documentaron unha actitude de desprezo cara á figura de Pedreira, fronte aos eloxios que se emitiron sobre o outro aspirante.

Tras a adxudicación da praza ao candidato que defendía a xerencia, Pedreira foi degradado á categoría de adxunto, o que supuxo a súa subordinación xerárquica a antigos alumnos seus e unha redución dun terzo do seu salario. Ademais, foi trasladado a unha unidade periférica fóra do hospital, onde permaneceu ata a súa xubilación forzosa en xaneiro de 2015.

RECOÑECEMENTO XUDICIAL

A sentenza inicial do xulgado número 2 de Pontevedra, ratificada posteriormente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) en 2017, foi determinante.

Os maxistrados sinalaron que a actuación da comisión de avaliación vulnerou os principios de igualdade, mérito e capacidade. O fallo xudicial utilizou termos contundentes ao referirse a unha "desviación de poder" e a un contexto de "arbitrariedade e favoritismo".

A pesar da firmeza destas sentenzas, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) evitou a súa execución inmediata alegando que Pedreira xa se atopaba xubilado. Non foi ata que un novo auto xudicial esixiu o cumprimento cando a administración se viu obrigada a repetir o proceso técnico.

En 2019, ante un tribunal independente e plural, o candidato que obtivo a praza anos atrás non se presentou, e Pedreira foi recoñecido finalmente como o lexítimo gañador do concurso, restituíndolle os seus dereitos económicos e o seu rango histórico de forma retroactiva.

Víctor Pedreira durante a rolda de prensa na sede do PSOE
Víctor Pedreira durante a rolda de prensa na sede do PSOEPontevedraViva

CONDENA FINAL POR DANOS MORAIS

A resolución que en marzo adquiriu firmeza, ao non ser recorrida pola Xunta de Galicia, aborda especificamente o impacto psicolóxico e profesional sufrido polo facultativo.

O tribunal estima que existiu un "funcionamento anormal moi grave, groseiro e intolerable" por parte da administración.

A sentenza subliña que se "usurpou" o posto do demandante e foi "degradado" por unha animadversión persoal dos seus superiores coincidindo co tramo final da súa carreira profesional.

O fallo fixa unha indemnización de 10.000 euros máis o incremento do IPC acumulado desde o ano 2012. Ademais, o xuíz introduce unha recomendación significativa: insta á Consellería de Sanidade a exercer a "acción de regreso", un mecanismo legal para que a administración reclame o diñeiro da indemnización aos xestores responsables da actuación ilegal.

Máis aló dos tribunais ordinarios, o Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra e a Comisión Central de Deontoloxía tamén avaliaron os feitos, segundo relata Pedreira.

O organismo deontolóxico apreciou infraccións graves na conduta de dous médicos que formaron parte dos tribunais de avaliación, sinalando comportamentos de desprezo cara a un colega e abuso de poder.

Aínda que o expediente disciplinario non derivou en sancións de inhabilitación debido á demora do proceso e á disposición do propio Pedreira a dar por suficiente o reproche público, o documento oficial deixa constancia da quebra do código ético profesional.

Víctor Pedreira manifestaba este venres a súa "satisfacción" despois dunha etapa de dezasete anos de loita legal, na que "sufrín moito e tiven que xestionar ese sufrimento. Sufrimos unha tolemia, eu e a miña familia".

Agora, finalmente, o psiquiatra coruñés ve recoñecida unha inxustiza que considera motivada por razóns políticas, xa que había quen o consideraba "colaboracionista socialista", apunta.