VÍDEO.- A CIG mostra na rúa o seu malestar coa reforma laboral: "Perpetúa o peor de todos os recortes"

Pontevedra
30 de xaneiro 2022

"A perversidade está en que nos queren vender como unha derogación o que realmente é unha perpetuación das reformas anteriores", defendeu o secretario comarcal do sindicato nacionalista na manifestación que percorreu este domingo as rúas do centro de Pontevedra

Manifestación da CIG en Pontevedra para esixir a derrogación das reformas laborais / PontevedraViva

A Confederación Intersindical Galega (CIG) botouse este domingo á rúa nas diferentes comarcas galegas para mostrar o seu rexeitamento á "fraude" que supón ao seu xuízo a nova reforma laboral proposta polo Goberno e esixir a derrogación das reformas impostas desde 2010.

En Pontevedra o sindicato nacionalista protagonizou unha manifestación que saíu ás 12.00 horas do mediodía desde a Praza da Ferrería para percorrer varias rúas do centro da cidade e finalizar fronte á Subdelegación do Goberno.

"A perversidade está en que nos queren vender como unha derogación o que realmente é unha perpetuación das reformas anteriores", asegurou o secretario comarcal de CIG, Marcos Conde.

Entende o responsable do sindicato en Pontevedra que a modificación que pretende aprobar o Goberno "perpetúa o peor de todos os recortes que foron dictados no seu momento e que trouxeron as consecuencias que estamos a vivir neste momento, que é unha precarización da clase traballadora".

Ademais desta xornada de protesta, a CIG ten previsto volver mostrar o seu malestar fronte á sede pontevedresa da Subdelegación do Goberno o día en que se celebre o pleno no Congreso no que se validen os cambios propostos, o que previsiblemente sucederá o próximo 3 de febreiro.