O Plan Revitaliza, o modelo de xestión de residuos da Deputación de Pontevedra baseado no tratamento en kilómetro cero dos biorresiduos, está a despregarse con éxito na Illa do Príncipe, un territorio de 142 quilómetros cadrados e preto de 10.000 habitantes declarado Reserva da Biosfera pola Unesco.
O persoal técnico da illa africana vén de recoller nun vídeo como, despois da súa formación en Pontevedra xunto aos mestres composteiros provinciais, teñen xa despregados e en funcionamento cinco composteiros comunitarios e 150 composteiros individuais.
Dende Príncipe explican que están satisfeitos por dar unha segunda vida ao lixo orgánico a través da compostaxe, un sistema que coñeceron na provincia pontevedresa grazas á intermediación do SMILO (Small Islands Organization da Unesco) e do CEIDA ante o Revitaliza.
Durante máis de dous meses a finais de 2020 catro persoas designadas polo goberno de Príncipe estiveron adquirindo coñecemento e técnicas da man dos mestres composteiros do Revitaliza nos diferentes concellos da provincia.
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera amosou a súa satisfacción polo interese amosado no modelo pontevedrés e que este estea a dar resultados produtivos. "Nós ofrecémoslles coñecemento, información recollida de moitos lugares e organizada, funcionando na práctica, con todos os detalles que hai que ter en conta. Eles agora están a adaptala e axustala ás súas características e intereses e vese que é un modelo exportable e con resultados", subliñou.