Unhas instalacións completamente diferentes. O centro deportivo de Campolongo, onde se sitúan as piscinas municipais, vai cambiar de aspecto tanto exterior como interiormente. Así o avanzaron os responsables da empresa Serviocio-Be One tras a firma do novo contrato de xestión, que os vinculará ás instalacións durante o próximos vinte anos.
A transformación do complexo, segundo o director de Expansión da empresa, Gonzalo Angueira, permitirá que Pontevedra conte cunhas instalacións "do século XXI". Investiranse 4,2 millóns de euros en remodelar "completamente" as vetustas piscinas, tras 24 anos de uso e que, actualmente, non se atopan no seu mellor estado.
O proxecto inclúe unha reforma total das instalacións, xa que o único que permanecerá será a lámina de auga.
A superficie do centro pasará de 3.800 a 5.700 metros cadrados, abrindo a planta baixa e a zona de recepción do edificio cara ao paseo que está á beira da igrexa de San José e incorporando unha segunda planta que, na súa superficie, contará con pistas polideportivas.
Gonzalo Angueira explicou que esta ampliación dotará ao complexo de "moita máis luz natural". Ademais, a zona de actividades en seco duplicarase ata os 1.600 metros cadrados e haberá nove salas de fitness, en lugar das catro actuais. As áreas de ximnasio, por outra banda, estarán dotada de máquinas de última tecnoloxía e conexión a TV e internet.
Ademais, ofrecerase un maior número de actividades deportivas e incorporaranse novos servizos de ludoteca ou expertos en nutrición na área de fisioterapia. Manterase a cafetería, aínda que se reformulará a súa oferta ao público.
As obras de remodelación obrigarán a pechar as piscinas un máximo de seis meses. Tanto a empresa como o Concello confían en poder realizalas entre abril e setembro, onde a actividade deportiva, tanto de usuarios a título individual como clubs deportivos ou escolas é moito menor, polo que se reducirían as molestias.
O novo contrato, que inclúe unha redución do 2,5% no prezo das tarifas e a ampliación dos horarios de apertura ao público, entrará en vigor o día no que se estreen as novas instalacións. Os postos de traballo actuais, un total de 42, aumentaranse aínda máis.
Serviocio, que pagará un canon anual de 60.000 euros ao Concello, valora o montante global do contrato nuns 34 millóns de euros a vinte anos, entre este canon, o investimento na remodelación e os gastos de funcionamento.