O venres arrincou con susto na Rúa José Malvar de Pontevedra.
Os servizos de emerxencia tiveron que despregarse para sufocar o incendio nun coche que entrou en combustión.
O suceso produciuse ao redor das 8.00 horas, cun único turismo afectado ao deterse nunha zona sen outros coches estacionados e sen chegar afectar seriamente ao edificio lindeiro.
O lume chegou a ser de proporcións considerables, e foi sufocado polos Bombeiros.
Ademais foi necesario cortar un pequeno tramo da rúa, entre o semáforo e a rotonda que linda co Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
A incidencia provocou unha certa expectación ao producirse nun momento álxido de tráfico, próximo ao comezo das clases nos centros escolares.
No dispositivo de emerxencia despregado participaron, ademais dos Bombeiros, efectivos da Policía Local de Pontevedra e da Policía Nacional.