Pasaban quince minutos da media noite e un vehículo que circulaba pola rúa Eduardo Pondal en dirección a Campolongo cruzaba a vía ata impactar contra outros tres turismos que se atopaban estacionados diante do estudo de ioga situado nesa rúa.
O aparatoso accidente provocou que, en breve prazo de tempo, chegarán ata o lugar dotacións da Policía Local de Pontevedra, ademais dunha ambulancia cuxos operarios atenderon no mesmo lugar ao condutor do turismo das feridas sufridas. Non foi necesario o seu traslado a un centro hospitalario.
Os axentes someteron ao condutor a unha proba de alcol ofrecendo resultado positivo, segundo informa a Policía Local.
O violento impacto causou graves danos nos tres turismos aparcados, nos que non se atopaba ningún ocupante. Foi necesario regular o tráfico na zona mentres non foron retirados todos os vehículos accidentados.