VÍDEO.- Desesperación do servizo de limpeza de sumidoiros da Illa de Arousa polos atascos provocados por toalliñas

O Salnés
12 de setembro 2023

O Concello cifra nun gasto de máis de 80.000 euros anuais os arranxos das avarías no sistema de bombeo e os operativos especiais de limpeza que se ven obrigados a desenvolver con motivo de que a cidadanía bota polos inodoros toalliñas e papel hixiénico húmido, que non son biodegradables

Toalliñas e papel hixiénico húmido retirado dos sumidoiros da Illa de Arousa Concello da Illa de Arousa

O Concello da Illa de Arousa emitiu nas súas redes sociais un vídeo alertando do problema que provoca o lanzamento polo inodoro de toalliñas e papel hixiénico húmido causando problemas ambientais e na rede de rede de sumidoiros.

Segundo o goberno local, os traballos de mantemento preventivo e limpeza que provoca a presenza destes elementos supera os 80.000 euros anuais. Os operativos de limpeza triplícanse debido á presenza destes produtos que non se desfán, segundo indica o persoal.

Ademais, causan problemas nos motores de bombeo das augas provocando avarías, reparación e substitución das bombas. "Enganchan os motores", sinalan os traballadores do servizo.

"Fan como unha corda dun mexillón, non rompe nunca", afirman os operarios no vídeo que realizou o Concello da Illa de Arousa.  "A xente di que non bota as toalliñas pero isto está sempre cheo delas", afirman.

Desde o Concello, que xa realizou campañas informativas sobre este tema, piden colaboración da veciñanza para que non lance estes residuos ao retrete e que os eliminen tirándoos ao lixo. Lembran que estes produtos non son biodegradables, aínda que en ocasións véndanse indicando que si o son.