A Policía Local de Pontevedra non ten entre os seus labores o acudir aos domicilios particulares para felicitar aos cidadáns que cumpren anos. Con todo, este domingo fixeron unha excepción totalmente xustificada.
Luísa Vázquez de Silva, coñecida por todos como Lulú, cumpre hoxe 110 anos.
Desde a xanela da súa vivenda na rúa Pai Amoedo agradeceu o xesto de agarimo aos axentes municipais.
Lulú foi a cuarta de oito irmáns. Estivo casada con Juan José Harguindey e, aínda que non tiveron fillos, a súa familia é numerosa. Suman máis de 300 entre curmáns, sobriños, sobriños netos, sobriños bisnetos e sobriños tataranetos.
Ela é unha das "Chicas de platino" como popularmente bautizaron en Pontevedra ás veteranas componenetes do faladoiro mañaneiro que se monta nos bancos da Ferrería.