VÍDEO.- O 'donjuán' de Marín, detido en Madrid tras meses fuxido da Xustiza

Pontevedra
14 de novembro 2018

Rodrigo Nogueira foi localizado na zona de Pacífico de Madrid, onde se ocultaba baixo un nome falso. Os investigadores do Grupo de Fugitivos Nacionais buscábano desde o pasado mes de xullo, ao ter en vigor tres reclamacións de xulgados de Bilbao, Burgos e Torrelaguna  

Detención do 'donjuán' de Marín en Madrid / Policía Nacional

Rodrigo Nogueira Iglesias, natural de Marín e coñecido como o 'donjuán' estafador das webs de citas cun centenar de vítimas en toda España, foi localizado este martes en Madrid tras meses buscado pola xustiza. A Policía Nacional procedeu á súa detención e agora ingresará en prisión. 

Nogueira, a quen incluso a Policía Nacional bautizou como 'Don Juan de Marín' ou 'Don Juan estafador', foi localizado na zona de Pacífico de Madrid, onde se ocultaba baixo un nome falso

Segundo informou a Policía Nacional, os investigadores do Grupo de Fuxitivos Nacionais iniciaron as xestións para localizar a Rodrigo Nogueira en Madrid o pasado mes de xullo, e tras recibir diversas informacións. Finalmente, puideron contastar tal extremo e, na tarde do martes, era localizado e detido.

Este donjuán moderno estaba fuxido da xustiza e buscado por ter en vigor tres reclamacións de xulgados de Bilbao, Burgos e Torrelaguna que o xulgaron e condenado polas súas estafas. Os investigadores descoñecen o número total de vítimas, xa que moitas delas prefiren non interpoñer denuncia, aínda que estiman que poden chegar ao centenar e tres lograron a condena.

En Pontevedra, o home foi condenado polo Xulgado do Penal número 1 nunha sentenza logo confirmada pola Audiencia Provincial de Pontevedra por facer un ' sinpa' de 5.062 euros nun hotel de Meaño. A pena implica un ano e tres meses de prisión por un delito de estafa, condena que, por si soa, non implica o ingreso en prisión, pero si vinculada ás outras impostas por outros xulgados.

O home, de 42 anos de idade, era especialista en enganar a mulleres a través de Internet e estafalas cando quedaba con elas persoalmente. Para iso, creaba perfís falsos en distintas redes sociais e webs de citas, onde simulaba ser distintas persoas con diferentes nomes e profesións coas que chamaba a atención das mulleres.

Un vez que conseguía a súa confianza, adoptaba a personalidade máis adecuada e desprazábase por todo o territorio nacional para quedar con elas persoalmente e iniciar unha relación sentimental. Nese momento aproveitaba para pedilas diñeiro ou obxectos de valor que nunca reintegraba, desaparecendo finalmente.