O mércores 4 de xaneiro mentres o Pontevedra Club de Fútbol xogaba en Pasarón contra o Mallorca a súa eliminatoria da Copa do Rey en Pasarón, á outra marxe do río outro acontecemento popular celebrábase á mesma hora na cidade. Tratábase da despedida do cura párroco Alberto Domínguez Munáiz da que, no últimos tres anos, foi a súa parroquia na igrexa Virxe do Camiño.
Alí, numerosos fieis sorprenderon ao párroco durante unha charla ofrecéndolle un recoñecemento cariñoso ao seu labor durante estes anos. Entre os asistentes ao acto atopábase o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e numerosos escolares que participaron das actividades que este sacerdote puxo en marcha coa intención de explorar a vida en comunidade.
Persoas próximas á parroquia afirman que desde a súa chegada este cura pontevedrés, pertencente a unha coñecida familia da cidade, foi porta por porta tentando crear un clima solidario, participativo e de unidade ao redor da igrexa logrando asistencias masivas ao templo.
Entre outras accións, tal e como afirmaba en Radio Pontevedra a Belén Hermida, mellorou a iluminación da igrexa para que resultase máis cálida, posibilitou un acceso para persoas con mobilidade reducida, converteu a zona do atrio nun espazo de uso polivalente e, sobre todo, xerou grupos activos con celebración de festas e múltiples actividades para todas as idades, a pesar de ter que lidar con tempos de pandemia.
Sen ir máis lonxe foi creando contidos nunha rede social Instagram e sempre tendo presente ás persoas de idade avanzada.
Agora, destinárono a Burgos e o sábado partirá ata esta cidade onde traballará nun colexio e nun centro de inmigrantes integral para axudar na formación desta poboación.
O sacerdote de 42 anos, que leva sete anos exercendo desde que oficiou a súa primeira misa na igrexa de San Bartolomeu, é xesuíta desde hai 17 anos. Sempre se interesou polas misións e viaxou para desenvolver o seu labor a Quenia, Perú ou Estados Unidos. Conta cun currículo impresionante. Licenciouse en Enxeñería Superior Industrial pola Universidade de Vigo no ano 2007, estudou Filosofía na Universidade Pontificia de Salamanca e completou o máster en Pedagoxía pola mesma Universidade. Ademais, é autor do libro 'Esperanza o el amanecer de la libertad' e as persoas que o trataron de preto durante estes últimos anos destacan a súa afectividade e o seu emprendemento constante.
A homenaxe que recibiu este mércores na parroquia o impresionou. O acto pechábase cunha ovación e aplausos tras a actuación musical dun coro de novos intérpretes da congregación moi achegados a Alberto Domínguez.
Aínda se descoñece quen será o seu sucesor mentres na igrexa permanecerá baixo as directrices do arcipreste Vicente Cerdiña co que asegura que formaba un equipo e espera que as actividades iniciadas manteñan continuidade no tempo. O seu oco, segundo os fieis, "será difícil de cubrir".