Nuns días celebrarase unha cita musical que congregará a miles de persoas na Illa das Esculturas, o Surfing the Lérez. Con motivo deste festival, o creativo Pedro Alonso editou un vídeo coas últimas imaxes que realizou das profundidades do río Lérez.
Neste traballo que subiu á súa canle en Youtube obsérvanse os fondos do río baixo o título 'Máis que auga', un traballo onde visualmente se xoga coas luces e as sombras que ofrece o Lérez.
Ao longo de sete minutos pódense ver os peixes que se moven polo río, as rochas, pedras e mesmo restos de árbores que repousan no leito destas augas.
Pedro Alonso é un afeccionado ao mergullo que realiza fotografías e vídeos das contornas naturais das Rías Baixas. Neste sentido, sinala que as rías se están rexenerando e cada vez é máis fácil atopar novas especies na fauna acuática.