Cando viaxes, goza e respecta. Respecta á natureza, a cultura e aos teus anfitrións. Ese é a mensaxe lanzada este mércores con motivo do Día Mundial do Turismo, co lema de "O turismo sustentable como instrumento de desenvolvemento".
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, nun acto organizado na escalinata do Pazo Provincial, indicou que agora que se está elaborando o Plan Estratéxico é un momento clave para perfilar o futuro deste sector na provincia "a medio e longo prazo", para tomar as decisións adecuadas desde a "reflexión" e o "compromiso" coas xeracións vindeiras.
Este pasado verán as Rías Baixas convertéronse no cuarto destino español que máis creceu en número de visitantes "unha situación que nos ten que poñer en alerta", apuntou a presidenta provincial.
Con todo un excesivo aumento do turismo de natureza pode poñer en perigo o territorio como puxeron de exemplo a "masificación" nas Illas Cíes onde se vulneraron as normas do Parque Nacional das Illas Atlánticas "mentres a Xunta miraba para outro lado".
Neste sentido Silva cre necesario "apostar por un turismo sustentable" que permita a convivencia entre residentes e visitantes, que protexa o patrimonio natural, as tradicións, a cultura, a diversidade e a esencia deste territorio.
Carmela Silva asegura que este obxectivo é factible sen prexuízo da rendibilidade, pois a actividade turística é "un dos motores da economía pontevedresa" a través dun sector empresarial profesionalizado.
Dito doutro xeito, a presidenta da Deputación alertou dos perigos dun "turismo de curtas miras, de beneficio inmediato" que, entre outros efectos negativos, xera "emprego sen dereitos, a tempo parcial, precarios e con salarios non aceptables".
Así, Carmela Silva fixo un chamamento ás administracións públicas e ao sector privado para "poñernos de acordo" en que "temos que crear empregos de calidade".