En forma de sal, a modo de guarnición ou mesmo como vermú. A camelia foi a protagonista este xoves 15 de marzo no peche de proxecto de innovación educativa 'A nosa camelia, tan curiosa como saborosa', no CIPF Carlos Oroza.
O reto ofrecido aos estudantes de 2º de Ciclo Medio de Cociña e Gastronomía foi superado con fartura, e os comensais puideron gozar dun menú con toques innovadores propios da cociña máis vangardista. Para iso contaron coa axuda de Iñaki Bretal, chef do restaurante Eirado da Leña, e do profesor Paco Orge, que capitanearon aos estudantes no ritmo frenético das cociñas.
As mesas distribuídas no comedor recibiron o nome de distintos pazos galegos nos que podemos atopar esta tan popular flor. Os seus asentos foron ocupados por diferentes representantes das institucións colaboradoras, como a Fundación ONCE, a Asociación Juan XXIII ou a Deputación de Pontevedra. Entre eles destacan a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o Director Xeral de Centros, José Manuel Pinal, a subdirectora xeral de FP, Eugenia Fernández, a deputada Eva Vilaverde, o deputado Santos Héctor e a concelleira Anabel Gulías.
Os alumnos de 1º curso tamén puideron participar na xornada. Eles foron a cara visible do evento, xa que serviron os pratos e elaboraron os cócteles, explicándolles en ocasións aos asistentes o proceso de elaboración dos mesmos.
Pontevedra ten como elemento paisaxístico esencial a camelia, que podemos atopar en contornas tan emblemáticas como a Alameda ou a Praza da Ferrería. Manuel Hermo, director do centro, lembrou ao finalizar do xantar as connotacións da planta, que transmite ideas como a igualdade ou a humildade, xa que se atopa tanto en castelos e pazos, como en fogares máis simples.
Por ese motivo, o proxecto premiado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria tivo como idea principal explotar o potencial da planta como recurso económico na provincia, buscándolle unha saída turística gastronómica que poida, ademais, fomentar o emprego. Entre os produtos que poden servir como lembranza nas Rías Baixas, están as pastas de té ou as nubes, elaborados con distintas variedades de camelia.