Paso adiante na transformación dixital e a modernización do territorio en Vilaboa.
O Concello adheriuse ao Plan +Rueiro da Deputación de Pontevedra, completando esta actuación cunha nova imaxe corporativa na numeración das vivendas.
Trátase de dúas actuacións paralelas. Por unha banda a administración local está inmersa na revisión da nomenclatura de núcleos e lugares e na revisión da numeración de cada zona poboada.
En breve, anuncian, está previsto iniciar a colocación gratuíta dun novo modelo de numeración de cada vivenda, dándolle unidade estética a todo o municipio.
Doutra banda atópase o Plan +Rueiro, un proxecto de transformación dixital e modernización para actualizar o censo das vivendas.
Este convenio permitirá realizar unha análise exhaustiva da información existente sobre o territorio municipal, revisando a nomenclatura oficial dos lugares e núcleos segundo os datos do INE e contrastando a situación actual da numeración dos inmobles. A cartografía seleccionada será preparada e adaptada para servir de base na fase de dixitalización, creando un proxecto en formato dixital compatible con sistemas de información xeográfica.
Sobre esta base integraranse diferentes fontes de datos, como os ficheiros catastrais e estadísticos municipais. Ademais se implementará unha plataforma baseada en software libre que permita xestionar e visualizar toda a información recompilada, vinculando cada inmoble co seu correspondente número municipal e a súa referencia catastral.
Unha vez reunidos todos os datos procederase á súa análise, comparando a numeración oficial coa información do Catastro e completando o rexistro de cada elemento coa súa referencia, nome do titular, e calquera numeración anterior e nova. En caso de detectar edificios sen numeración ou situacións que requiran renumeración estableceranse propostas que serán comunicadas ao Concello para o seu validación e posterior notificación aos propietarios afectados.
O traballo someterase a exposición pública antes da súa aprobación formal.