O Concello de Vilaboa solicitou á Xunta de Galicia a incorporación dunha motobomba lixeira de uso urbano para a súa agrupación de Protección Civil, unha petición que nace dunha necesidade real e urxente como é mellorar a capacidade de resposta ante emerxencias nun municipio con características xeográficas moi particulares e unha alta carga de intervencións.
A solicitude, dirixida á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, conta co respaldo dos 17 voluntarios que forman parte do equipo local, moitos deles con experiencia profesional en distintos servizos de emerxencia. O Concello destaca que se trata dun recurso "imprescindible" debido á orografía de Vilaboa, a súa dispersión poboacional e o gran número de servizos que se atenden ao longo do ano.
De feito, só no que vai de 2025, Protección Civil de Vilaboa tivo que actuar en máis de 70 emerxencias que requirían o uso dun vehículo especializado. "Temos unha agrupación que funciona de forma exemplar", afirma o alcalde, César Poza, quen asegura que o recoñecemento por parte doutras administracións, como a Consellería de Medio Rural, é habitual tras cada intervención, especialmente durante os incendios forestais do pasado verán.
O tempo medio de resposta desta agrupación local é de apenas 8 a 10 minutos, o que permite actuar con rapidez ante incendios, rescates ou accidentes de tráfico. Un servizo que, ademais, evita colapsar ao único retén de bombeiros da comarca. En contraste, os parques de bombeiros máis próximos, como o de Bueu, tardan como mínimo 35 minutos en chegar, e desde Mos (GES), os tempos superan os 40 minutos.
Vilaboa ten unha superficie de 39 km² que combinan mar, monte e zonas urbanas, con altitudes que van desde o nivel do mar até os 660 metros, o que complica o acceso en moitos puntos. A isto súmase unha masa forestal que cobre máis do 80% do territorio, boa parte sen uso e cunha alta carga de combustible vexetal, o que incrementa o risco de incendios.
O municipio acolle a preto de 6.000 veciños distribuídos en cinco parroquias e unha trintena de barrios dispersos. Ademais, conta con infraestruturas industriais con risco de incendios (como Connorsa, Shelter-Lirón, fábricas de mobles ou despezamentos), tres gasolineiras e varias vías de alta densidade de tráfico, como a AP-9, N-554, N-550 e a A-57.
Todo iso tradúcese nun elevado potencial de emerxencias. Un exemplo claro foi o gran incendio de Santa Cristina do verán pasado, que alcanzou o nivel 2 e arrasou 80 hectáreas de terreo. Situacións como esta evidencian a necesidade de reforzar os recursos locais.
A motobomba solicitada non se usaría só no verán. Sería unha ferramenta versátil, útil tamén en casos de inundacións, tormentas, accidentes de tráfico con atrapados ou rescates de diversa índole, durante todo o ano.
Na actualidade, Protección Civil de Vilaboa traballa con dous vehículos: un turismo con 23 anos de antigüidade e unha Pick Up de 12 anos que leva instalada, de forma artesanal, unha pequena motobomba de 500 litros. "Estamos baixo mínimos para o volume de emerxencias que xestionamos", advirten os voluntarios.
Por iso, o alcalde César Poza di á Xunta que "necesitamos a súa colaboración para dotar ao noso equipo dun medio tan necesario como esta motobomba, que garantiría unha maior seguridade para Vilaboa e facilitaría enormemente o labor dos nosos voluntarios, que xa están a demostrar día a día o seu compromiso e eficacia".