Vilaboa busca financiación para intervir nas Salinas de Ulló, no Alcouce e na Barciela

Vilaboa
19 de xaneiro 2026
Actualizado: 20 de xaneiro

O goberno local busca financiamento da Deputación para tres intervencións que reforzan o patrimonio, o litoral e a mobilidade en puntos clave do municipio

Aldea de Alcouce
Aldea de Alcouce / Estevoaei

O Concello de Vilaboa quere financiar co Plan +Provincia da Deputación a primeira fase da humanización do núcleo tradicional do Alcouce e a transformación do camiño litoral das Salinas de Ulló e Paredes, xunto coa segunda fase da humanización do barrio de Barciela.

En Barciela, as actuacións céntranse en reforzar a seguridade viaria e facilitar o tránsito peonil e de vehículos, cun investimento de 77.000 euros.

O proxecto inclúe a ampliación da calzada onde sexa posible, a renovación do firme, a instalación de sistemas de drenaxe, a execución de sinalización vertical e horizontal, e a colocación de redutores de velocidade, garantindo así un entorno máis seguro para toda a veciñanza.

Un dos proxectos estrela é o camiño litoral das Salinas de Ulló e Paredes, cuxas tres fases suman un orzamento global de 439.621 euros.

A intervención busca transformar esta contorna nun espazo de prioridade peonil, respectuoso coa paisaxe e totalmente accesible.

Entre as actuacións previstas está a recolocación do bordillo, a substitución do pavimento por lastros de granito, a renovación das varandas por modelos de aceiro galvanizado e a mellora diferenciada de distintos tramos do paseo e da Pista da cerca.

Do mesmo xeito, a primeira fase da humanización do núcleo do Alcouce, cun investimento superior a 457.909 euros, permitirá recuperar un espazo de alto valor patrimonial, mellorar a mobilidade peonil, a calidade urbana e reforzar a identidade histórica dun dos núcleos máis singulares de Vilaboa.

Co conxunto destas iniciativas, o Concello reafirma o seu compromiso coa creación de contornas máis accesibles, sostibles e seguras, así como coa posta en valor do patrimonio natural e cultural, mellorando a calidade de vida da cidadanía e o atrctivo do municipio.