Vilaboa convida aos seus artesáns a sumarse ao Mercadillo de Nadal

Vilaboa
01 de decembro 2021

Seis casetas ofertarán no Toural agasallos orixinais do 22 ao 6 de xaneiro

Alfarero
Alfarero / Juan Mejuto

Vilaboa contará este ano cun Mercadillo de Nadal instalado na Praza do Concello, no Toural, no que a veciñanza poderá adquirir agasallos orixinais e artesáns para estas festas. 

O Concello instalará seis casetas que xa están reservadas para a exposición e comercialización de artigos pensados para sorprender e fai un chamamento aos artesáns de Vilaboa que queiran participar desta iniciativa a utilizar o Mercadillo como escaparate do seu produto e do seu traballo contactando co Concello a través do correo [email protected]

O Mercadillo, que contará con iluminación e fío musical para ambientar a praza, permanecerá aberto do 22 de decembro ao 6 de xaneiro en horario de 18 a 21 horas, agás os sábados, domingos e festivos no que a xornada se ampliará de 12 a 22 horas. 

Carmen Gallego, concelleira de Promoción Económica, aposta con esta iniciativa pola visualización do traballo artesanal e anima á cidadanía a valorar os artigos orixinais e feitos á man como un plus á hora de regalar.

Por outra parte o Concello convoca un Concurso de Postais de Nadal para escolares, con idades comprendidas entre os 3 e os 10 anos e no que haberá catro categorías. Poderán entregar os seus traballos vía email a través do correo [email protected] ata o 21 de decembro ou de xeito presencial na Casa de Cultura de Riomaior. O fallo darase a coñecer o día 22 a través da web e as redes sociais.

Cabe recordar que continúa aberto o prazo para participar no concurso de decoración de Nadal nas vivendas de Vilaboa.