Vilaboa proponlle a Costas un paseo litoral entre as Salinas e o Forno da Cal

Vilaboa
11 de xuño 2021

O goberno municipal de Vilaboa insiste nun proxecto que, tras dez anos nun caixón, quere recuperar co apoio de Costas. Trátase dun paseo litoral que una as Salinas do Ulló co Forno da Cal, un espazo que o Concello quere recuperar como atractivo turístico

As Salinas do Ulló
As Salinas do Ulló / Concello de Vilaboa

O goberno municipal de Vilaboa insiste nun proxecto que, tras dez anos nun caixón, quere recuperar co apoio de Costas. Trátase dun paseo litoral que una as Salinas do Ulló co Forno da Cal, un espazo que o Concello quere recuperar como atractivo turístico.

Este proxecto foi abordado nunha xuntanza que o alcalde, César Poza, mantivo cos representantes de Costas e que, segundo o Concello, este organismo vería con bos ollos.

"É un vello anhelo de Vilaboa e das súas xentes poder gozar do noso litoral, pero tamén será un activo turístico e un atractivo máis para o noso municipio", explicou o rexedor, que confía en iniciar a redacción do anteproxecto deste paseo pola costa do municipio.

Este ambicioso proxecto completaríase en varias fases e permitiría poñer en valor non só os recursos de inicio e remate da senda senón tamén os peiraos de San Andrés e Santa Cristina de Cobres, o Monte do Cabalo e outros recunchos de interese.

O Concello comprometeuse a poñer a disposición de Costas os terreos que sexan necesarios para poder executar este paseo entre as Salinas e o Forno da Cal.