Vilaboa reforza o seu Plan de Prevención de Incendios para mellorar a seguridade nas zonas máis vulnerables

Vilaboa
27 de marzo 2026

A modificación afectará principalmente ás zonas de Sobreira, Vilar e A Graña, tres zonas identificadas como prioritarias pola súa elevada vulnerabilidade fronte aos incendios e temporais

Incendio forestal moi próximo a unha vivendas en Vilaboa
Incendio forestal moi próximo a unha vivendas en Vilaboa / Diego Torrado

Incorporar novas ferramentas de xestión da biomasa e aumentar a protección dos núcleos máis expostos son os obxectivos do Concello de Vilaboa coa actualización do seu Plan Municipal de Prevención de Incendios Forestais.

A modificación, sinalan, afectará principalmente ás zonas de Sobreira, Vilar e A Graña, tres zonas identificadas como prioritarias pola súa elevada vulnerabilidade fronte aos incendios e os efectos dos temporais rexistrados durante os últimos meses.

Nestes lugares, os accesos principais, e nalgúns casos os únicos, discorren por pistas municipais que actualmente só dispoñen dunha franxa de protección de seis metros fronte a especies pirófitas, como o eucalipto ou o piñeiro.

Segundo os técnicos, esta distancia resulta insuficiente para garantir a seguridade en caso de lume, xa que a proximidade entre marxes facilita a propagación das chamas.

Os temporais de inverno agravaron a situación, provocando a caída de ramas sobre os viarios que dificultan a circulación e evidencian a necesidade de ampliar as zonas de protección.

Os informes técnicos de Medio Rural recomendan converter estes camiños municipais en auténticos cortalumes, o que permitiría ampliar as franxas de seguridade.

O alcalde de Vilaboa, César Poza, considera "urxente" adoptar medidas de protección adaptadas á realidade do municipio que garantan "a seguridade xeral da veciñanza, que está por riba da desidia dalgúns propietarios que manteñen especies pirófitas demasiado preto das estradas".

Poza lembrou que a experiencia dos incendios do pasado verán e os danos dos últimos temporais demostran que "o municipio non pode seguir asumindo riscos evitables", polo que desde o departamento de Medio Ambiente están a revisar centenares de expedientes abertos por incumprimentos relacionados coa presenza de especies pirófitas en parcelas próximas a viarios públicos.

Cada caso, sinalan, está a analizarse de forma individual para garantir unha actuación rigorosa.

O alcalde insistiu en que as medidas previstas responden unicamente a criterios técnicos e a "garantir a seguridade da xente". Engadiu, ademais, que o Concello asumirá un papel activo na prevención, co fin de reducir o risco que supoñen tanto os incendios como os temporais.

Desde o goberno local destacan que esta actualización do Plan Municipal de Prevención de Incendios constitúe un "compromiso firme por anticiparse aos riscos e reforzar a seguridade en todo o territorio municipal".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora