Vilaboa volverá ser capital do viño en maio coa participación de dez adegas e colleiteiros

Vilaboa
27 de abril 2023

Será os días 6 e 7 de maio e a organización márcase o reto de conseguir o mesmo retorno económico que tivo a Festa do Mar a pasada fin de semana, 60.000 euros. Ten o dobre obxectivo de promoción dos viños locais e dinamización do sector servizos de Vilaboa

VIII Mostra do Viño de Vilaboa Diego Torrado

A Festa do Viño de Vilaboa celebrará este ano a súa décima edición coa participación de dez adegas e colleiteiros. Será os días 6 e 7 de maio e a organización márcase o reto de conseguir o mesmo retorno económico que tivo a Festa do Mar a pasada fin de semana, 60.000 euros.

O evento, organizado polo Concello de Vilaboa, ten o dobre obxectivo de promoción dos viños locais e dinamización do sector servizos de Vilaboa.

O alcalde, César Poza, e a concelleira de Dinamización, Carmen Gallego, insisten en que se trata dun sector produtivo "importante para Vilaboa, que necesita poñer en valor a calidade do produto".

Esta décima edición celebrarase debaixo do viaducto de Riomaior, unha explanada na que se vai instalar unha carpa que acollerá con 10 postos de adegas da IXP do Morrazo e de colleiteiros locais. 

Exporán os seus viños: Elisa Ruibal García 'Casa da Boullosa' Manuel Conde Conde; Manuel Collazo Fernández; Jesús Amoedo Leiro 'Casa da Torre' Manuel Rúa 'Casa Quinteiro' Martín Torres González 'Casa Cañoteira' Adega Ardán (Marín); Adega Mosteiro de Poio (Poio); 'Adega Os Areeiros' e José Blanco Martínez 'Quinteiro de Sabela'.

As adegas aproveitarán o evento para dar a coñecer a singularidade dos seus brancos. Poderán degustarse nunha copa editada polo Concello para esta ocasión e serigrafiada co logo da Festa e que poderá adquirirse ao prezo de 3 euros, retornables en caso de devolvela en perfectas condicións.

A festa tamén terá postos de comida e de doces. 

A festa celebrarase o sábado entre o mediodía e a medianoite e o domingo de 12.00 a 17.00 horas. 

A programación inclúe actividades culturais e unha potente proposta musical, co concerto de Milladoiro ás 22.00 horas do sábado e a actuación do o grupo de gaitas 'Aires de Cobres' ás 12.30 horas do domingo