Vilagarcía acelera a peonalización de Vicente Risco mentres agarda polo informe de Patrimonio

O Salnés
09 de decembro 2025
Actualizado: 15:24

O proxecto conta cun orzamento base de 400.000 euros, un prazo de execución de oito meses

Presentación do proxecto de humanización da rúa Vicente Risco
Presentación do proxecto de humanización da rúa Vicente Risco / Concello de Vilagarcía de Arousa

O Concello de Vilagarcía decidiu mover ficha para evitar novos atrasos na peonalización da rúa Vicente Risco e dun tramo da Praza de España. A administración local leva meses pendente do informe da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta que é preceptivo ao tratarse dunha zona de interese histórico, pero optou por adiantar traballo iniciando xa o proceso de contratación da obra. O outro ditame necesario, o de Augas de Galicia, xa é favorable desde hai tempo.

A licitación foi publicada este martes na Plataforma de Contratación do Sector Público e as empresas interesadas teñen ata o 29 de decembro para presentar propostas. O proxecto conta cun orzamento base de 400.000 euros, un prazo de execución de oito meses e está incluído no acordo que acompañará ao Presuposto Municipal de 2025.

A peonalización de Vicente Risco continuará a humanización da rúa Covadonga e permitirá completar a remodelación da Praza de España, reforzando así a cohesión do centro urbano.

O proxecto leva a sinatura do arquitecto Iago Fernández Puentes, responsable doutras intervencións relevantes como a propia Praza de España ou a rúa do Río. Prevese un pavimento continuo de plataforma única elaborado con tres tipos de granito (silvestre moreno, gris alba e gris Mondariz), con laxas de 15 centímetros de grosor para garantir a durabilidade.

Un dos puntos destacados será a creación dunha zona verde xunto aos edificios máis altos, con céspede, herbas aromáticas e bidueiros. No lado oposto, o corredor peonil poñerá en valor as edificacións baixas de comezos do século XX, características da arquitectura tradicional vilagarciá.

A obra completarase coa instalación de bancos de aceiro cortén e madeira de iroco, seguindo a liña estética da Praza de España, onde tamén se colocarán dúas bancadas adicionais no sector sur do xardín. Ademais, renovaranse as redes de saneamento e pluviais e soterraranse os tendidos eléctricos e de telecomunicacións.

Redistribución de espazos na Praza de Abastos

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou contratar a redacción dun anteproxecto para reformar e redistribuír os espazos da Praza de Abastos de Vilagarcía, co fin de seguir mellorando o Mercado Excelente. A iniciativa responde ás suxestións da auditoría autonómica para renovar o selo de calidade, que recomenda melloras no interiorismo, iluminación, presentación dos produtos e pequenos arranxos de mantemento.

O anteproxecto, encargado á empresa b+t arquitectos por 17.908 euros e cun prazo de dous meses, incluirá unha análise da oferta e ocupación do mercado, propostas de mellora, optimización dos usos, imaxes 3D e unha estimación do custo da obra, co obxectivo de incrementar a puntuación para renovar o selo de Mercado Excelente.

Actuacións nos colexios de Bamio e Rubiáns

Paralelamente, o Concello adxudicou este martes dous pequenos proxectos de mellora nos centros educativos do Vilar-Bamio e de Rubiáns, cun investimento total de 13.068 euros e executados pola empresa Reformas Trébol.

Na escola unitaria de Bamio limparanse os canlóns, obstruídos por herbas e restos transportados polos paxaros, para evitar filtracións no patio cuberto. A intervención abrangue todo o perímetro do edificio e inclúe a instalación dun novo canlón superior e a aplicación de pintura impermeabilizante. O custo ascende a 4.114 euros.

No CEIP Plurilingüe de Rubiáns, a obturación das canalizacións estaba a provocar unha pingueira no segundo andar. Para solucionalo, limparanse todas as conducións e baixantes e repararanse as limas da zona sur do edificio, cun investimento de 8.954 euros.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora